InicioBuen gobierno"O galego pode ser un sinal de responsabilidade social pero tamén de...

«O galego pode ser un sinal de responsabilidade social pero tamén de intelixencia comercial»

Anxo Calvo, decano da Facultade de Economía e Empresa da UDC

Quizais a vertente lingüística da RSC no tecido empresarial dun país bilingüe onde existe unha lingua propia minorizada, implica máis ca ningunha outra as persoas individuais. Esixe compromiso e sensibilidade, esixe empregar a lingua máis aló das relacións informais entre compañeiros de traballo para conseguir normativizala no eido empresarial. Sobre o papel da lingua na empresa galega falamos con Anxo Calvo Silvosa, decano da Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña.

anxo-calvo-1
Anxo Calvo, profesor da Universidade da Coruña

Se unha corporación opta polo galego na implantación da súa estratexia amosa o seu compromiso co desenvolvemento da sociedade galega e certa sensibilidade coa nosa  realidade lingüística. Comezamos a falar entón de responsabilidade social?
Eu creo que claramente si. A lingua pode considerarse como unha das dimensións da RSC. Desde este punto de vista, o emprego do galego pode ser un sinal de responsabilidade social. Pero, ademais diso, é un sinal de intelixencia comercial por parte da empresa que incorpora o galego como parte da súa estratexia. En termos máis empresariais, trátase de posicionarse nun mercado nunha das linguas en que falan os consumidores. Máis aló da RSC, falariamos de facerse máis próxima a unha parte do seu mercado.

Deberiamos distinguir o uso do galego que fai unha empresa no ámbito publicitario do que é a integración da lingua de xeito transversal?
Cando falamos do galego como parte da RSC falamos do seu uso cos grupos de interese, que poden ser internos ou externos. Uns serían os clientes, onde podemos encaixar o ámbito publicitario. Tamén podemos facer presente o galego na relación cos provedores (documentación, manuais, etc.). Na comunicación interna, entre accionistas ou o persoal, incluíndo a dirección, o seu uso tamén traslada unha determinada posición e mesmo aposta. Non podemos esquecer a relación coa Administración, por exemplo. Cómpre unha certa coherencia no tocante á lingua de comunicación con todos os grupos de interese. En termos xerais, podería ser contraproducente excluír a comunicación en galego con algún destes grupos, porque podería trasladar un sinal erróneo aos demais.

O galego pode ofrecer vantaxes diferenciais para a empresa. En cambio, o maior tamaño e expansión da mesma poden ser un obstáculo?
Hoxe por hoxe pode haber unha situación plurilingüe na empresa cun custo relativamente baixo, debido a que as tecnoloxías posibilitan que unha empresa estea presente en galego, español e inglés sen necesariamente triplicar os custos de facelo cunha lingua soamente. A min non me parece un factor limitador, o galego engade, suma. Evidentemente, e pensando nun mercado que se estende fóra de Galicia, carecería de sentido facer unha comunicación só en galego para grupos de consumidores non galegofalantes residentes fóra do país. Igualmente, a mesma reflexión sería aplicable ao español en relación a mercados onde non se falase esta lingua.

Hai uns anos, o 40% dos traballadores usaba o galego para comunicarse entre eles pero a cifra baixaba ao 4% no uso da empresa con clientes e provedores. É moita a diferenza, non cre?
A min paréceme, botando man de vellos conceptos, unha situación diglósica clara. Cando os traballadores falan entre eles de maneira informal están nunha relación distinta á do plano de formalidade de cando eles se dirixen aos clientes. O mesmo podemos dicir á hora de escribir. Eses mesmos traballadores que falan galego adoitan escribir un correo en castelán. Os datos máis recentes non os coñezo pero a min dáme a sensación de que non hai moita melloría. Son un pouco pesimista, teño a impresión de que vai a peor, salvo en contados casos. Porén, carezo de evidencia empírica para pronunciarme de maneira máis categórica.

Isto lévanos a afirmar que o galego non é a lingua visíbel cara ao exterior da empresa. Que medidas se deberían tomar neste sentido?
Hai dous niveis. Por unha parte, a concienciación das persoas e a actitude persoal de valorar a lingua propia. Por outra, a necesidade de políticas internas na empresa, probablemente inducidas e apoiadas polos organismos públicos. Trátase de facer unha discriminación positiva, posto que se trata dun idioma minorizado, que anime ás empresas a dar pasos nesa dirección para superar a situación.

No tema da lingua a xente é excesiva e infundadamente cautelosa para non ferir sensibilidades. Asúmese implicitamente que o español nunca fire nada ou non provoca ningún sentimento de rexeitamento; en galego, en cambio, existe sempre o temor de que alguén pode sentirse incómodo. É unha situación curiosa e triste.

A poboación hoxe en día non rexeita o idioma, posto que a maioría xa foi escolarizada en galego

Falando de políticas de organismos públicos, a Xunta de Galicia puxo en marcha recentemente o Plan de dinamización do galego no tecido económico 2015-2020. Podería facer unha valoración inicial do mesmo?
Non o coñezo en detalle. Se esta iniciativa é un pulo do goberno galego para superar a situación que estamos a comentar sobre o galego na empresa, benvida sexa. Non hai dúbida de que será para mellor, porque a verdade é que a situación é realmente complicada. Pero claro, se os que teñen que aplicar a estratexia non están convencidos do seu interese ou non a dotan dos medios suficientes, podería provocar aínda maior frustración da que xa existe neste momento e mesmo podería ser contraproducente. Obviamente, hai que poñerse no primeiro dos casos e traballar para que sexa un paso cara adiante no proceso de normalización da lingua neste ámbito tan particular.

No momento actual, cales serían os puntos febles ou obstáculos para normalizar o galego no eido empresarial?
En gran medida, o problema son as actitudes. Ao mellor seguimos ancorados nunha vella idea de que o galego pode restar en lugar de sumar. Hai moitos medos infundados a ser rexeitado polos clientes, por exemplo. E isto non ten que ser necesariamente así. A poboación hoxe en día non rexeita o idioma, posto que a maioría xa foi escolarizada en galego. Veno como algo neutral e normal. Un exemplo, aínda que queda moito que facer, son a Administración e a Universidade. A ninguén lle parece raro que se lle envíen comunicacións en galego: ponse a atención na mensaxe e non no código en que está escrita.

Cómpre lembrar que usando o galego non estás facendo bandeira de nada, só estás chegando á xente no seu idioma. Por exemplo, os xerentes de San Luís comezaron a usar galego por pragmatismo: a lingua era un factor de diferenciación doutras cadeas e o cliente compraba os seus produtos porque os identificaban con Galicia. Outro caso é R Cable. Alguén percibe algún compoñente ideolóxico no uso do galego? Non. Todo o mundo entende que cando chamas ao seu servizo técnico te atendan en galego.

Podes ler a entrevista en español aquí.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí

spot_img

Lo más leído